| Sumario: | Este traballo parte dunha visión revisada do benestar económico rexional para analizar as disparidades económicas entre trinta e oito rexións españolas e italianas e comparalas coas que se obteñen a partir do PIB per cápita (PIBpc). Para iso proponse un indicador sintético de benestar rexional baseado nas catro compoñentes do benestar económico suxeridas por Osberg (1985): capacidade de consumo, acumulación, desigualdade e inseguridade económica. Estes aspectos son integrados nun único índice a través do enfoque “beneficio da dúbida”, unha variante da Análise Envolvente de Datos para a construción de indicadores sintéticos. Os resultados amosan como as rexións con menor produto por habitante (Obxectivo 1 da Unión Europea) son tamén as de menor nivel de benestar económico e, ademais, que as disparidades son maiores en termos deste último. En xeral, as rexións italianas rexistran un nivel de benestar económico superior ao que se desprende do seu PIBpc, mentres que no caso español ocorre precisamente o contrario. Este comportamento só ten tres excepcións no caso español, entre as que se atopa precisamente Galicia, cun nivel de benestar económico por riba do que cabería esperar do seu PIBpc
|