| Sumario: | En Betanzos, as Escolas García Irmáns eran coñecidas como Escolas do Asilo. O edificio do centro educativo estaba a carón do Asilo García Irmáns, outra das obras produto da xenerosidade destes fillos de Betanzos. As Escolas creáranse para acoller, sobre todo, os nenos «pobres» e «orfos» e contaban con aulas para alumnos e alumnas. En Galicia, como se recolle en traballos de investigadores como Cid Fernández (1994), Costa Rico (2004) ou Peña Saavedra (1991 e 1995/96), foi un numeroso grupo de emigrantes en América o que apostou pola defensa dos dereitos de toda a poboación, pola xustiza e a prosperidade a través da educación. No ano 1914 realizáronse diversos actos no Centenario das Escolas dos Irmáns García Naveira en agradecemento ao seu compromiso co desenvolvemento do dereito á educación. Na primeira parte deste artigo deterémonos en comentar aspectos do seu proxecto educativo para facer realidade este dereito. No seguinte apartado afondaremos máis polo miúdo en analizar a forma de plasmalo na práctica a través dun profesorado cun perfil innovador, con tacto pedagóxico, capaz de desenvolver estratexias didácticas e de usar aparellos, medios e recursos novidosos a comezos do século XX No terceiro apartado identificamos e comentamos aspectos da organización escolar que revelan a calidade da proposta. No último apartado, ofrecemos unhas conclusións e reflexións xerais e destaca como os García Naveira pensaron en variados contextos de aprendizaxe para facilitar unha educación de calidade e potenciar o pracer de aprender.
|